«o tema»

Xuño 10th, 2008

Co obxectivo de aclarar certas informacións erróneas difundidas na prensa paso a facer accesible o comunicado enviado inicialmente e que tamén se pode consultar na páxina da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a quen agradezo publicamente o xesto. Nel non queda lugar a dúbida sobre certas informacións que chegaron á opinión pública de forma distorsionada no que se refire ao seguinte:
-a orixe da tradución: non é unha tradución que eu fixera pola miña conta, senón que foi encargada por Edicións Xerais de Galicia, cousa que pode acreditar o director da devandita editorial. A editora carecía dos dereitos sobre o texto orixinal ao facer o encargo e cando os tentou adquirir estaban xa en mans de Rinoceronte Editora, co cal, de boa vontade, tentouse buscar unha solución satisfactoria para ambas as partes.
-a orixe do conflito, que en ningún caso se refire a “cambiar o xénero dos personaxes secundarios da novela” nin “corrixir o sexismo da obra” senón ao que se explica no comunicado (opcións lingüisticamente incuestionables ante a neutralidade total dos termos en inglés que foron desbotadas con insistencia e sen razón ningunha convincente por parte do editor). Na miña tradución hai un uso tanto de masculinos como femininos para traducir as palabras neutras e non o uso de un só xénero como parecen dar a entender certas afirmacións. Esta información foi transferida de forma non veraz ao autor da obra, que, sen entrar a valorar o axeitado de preguntarlle ou non (segundo isto habería que preguntar a todas as autoras e autores polo xénero das palabras que en inglés carecen del en todos os textos e facer que opinen sobre linguas que descoñecen), polo tanto contestou a algo que non era pertinente (cambiar o xénero dos personaxes do libro).
-a natureza do texto rexistrado por min na propiedade intelectual, texto que corresponde á miña versión unicamente e non inclúe as correccións da editorial Rinoceronte. Isto é facilmente demostrable dado que gardo copia de todas as probas que foron enviadas pola editora e da versión enviada orixinalmente a Xerais, que foi a rexistrada por min. Facer valoracións sobre este texto entra no terreo da elucubración dado que só eu mesma e o rexistro coñecemos cal é a versión rexistrada.
O comunicado, como se pode comprobar, non inclúe insultos, valoracións persoais nin mencións a temas que non teñen que ver co que nos ocupa, nin sequera aparece a palabra sexista e o seu único obxectivo foi poñer en coñecemento público unha práctica ao meu entender non aceptable nun entorno laboral concreto. Conto no meu poder con probas de todo o expresado neste comunicado que serán presentadas nas instancias pertinentes.

COMUNICADO DE MARÍA REIMÓNDEZ REFERIDO Á TRADUCIÓN “O CURIOSO INCIDENTE DO CAN A MEDIA NOITE” DE EDITORIAL RINOCERONTE

Ante a aparición da tradución “O curioso incidente do can a media noite” de Moisés Barcia véxome na obriga de poñer en coñecemento público as circunstancias nas que me vin envolta coa editorial Rinoceronte en relación ao devandito texto e que supoñen feitos de importante gravidade para os dereitos da traballadora e a igualdade de xénero. Hai catro anos, nunha das miñas viaxes ao Reino Unido atopei o libro de Mark Haddon e, nun labor que as tradutoras realizamos en Galicia con frecuencia de forma non remunerada, realicei un informe e proposta de tradución do libro para Edicións Xerais de Galicia, que aceptou. Por motivos de plan editorial o libro non corría présa polo cal a súa tradución non foi entregada ata febreiro de 2007, momento no cal a editorial Rinoceronte mercara os dereitos do devandito texto. Obrando de boa vontade e procurando a mellor saída á situación, Edicións Xerais puxo en contacto ás dúas partes, é dicir, eu mesma e ao editor de Rinoceronte, o señor Barcia, para chegar a un acordo e que o libro puidese publicarse na miña traudución. Ambas partes aceptamos e comezou o proceso de editar a tradución no que se detectaron diferentes irregularidades que primeiramente decidín pasar por alto polo excepcional da situación de traballo. A primeira delas, o feito de que se me pagase menos ca a outros tradutores (supostamente porque a tradución non se fixera segundo o método de traballo de Rinoceronte, que ignoro aínda hoxe cal é) e a segunda, o método de pagamento habitual desta editora, que só paga segundo se vaian facendo as liquidacións dos libros, práctica pouco habitual no caso das traducións. Unha vez recibidas as primeiras probas as “correccións” introducidas non deixaban de ser sorprendentes dende diferentes puntos de vista, sobre todo comparando coa miña experiencia tanto como tradutora ou autora en Xerais, Galaxia e Edicións Positivas. A insistencia do corrector por cambiar palabras sinónimas (escola por colexio, logo por entón) ou frases ao seu gusto deixoume bastante perplexa pero decidín novamente, por respecto ao traballo alleo, aceptar a maioría das correccións. Só rexeitei aquelas que estaban mal (igual que había cousas realmente corrixibles na tradución que a corrección mellorou, tamén nesta había erros que poden entenderse como produto da présa ou despiste simplemente) e aquelas que afectaban as miñas estratexias de tradución non sexista. O inglés é unha lingua na que o xénero gramatical non existe e poden darse casos nos que hai palabras que é imposible saber de que xénero son e en galego hai que optar por un. Cómpre anotar aquí que este asunto, por certo, forma parte da miña tese de doutoramento sobre as interaccións entre a ideoloxía, o feminismo e a tradución, e que polo tanto coñezo o importante corpus de teoría e práctica que existe ao respecto. Nin o corrector nin o editor estaban ao tanto, iso si, porque tiveron a ben corrixirme as dúas palabras que en todo o texto que cumprían esas características (“a surfer on a T-shirt”, na descrición da vestimenta dunha persoa, que traducín como unha surfeira e logo a interxección dun borracho que berraba “liar, liar, bloody liar” e que traducín por “mentireiro”). Curiosamente a “corrección” cambiaba a surfeira por surfeiro e o mentireiro por mentireira. Para o corrector no mundo as mulleres non facemos surf pero si somos unhas mentireiras. Expliquei ao editor que non quería admitir estas correccións e por que, téñoo feito noutras traducións e é lingüisticamente lícito. O editor impuxo a súa escolla na seguinte versión que me enviou do texto, desta vez corrixida por el (nova corrección dende o meu texto inicial, porque non estaba contento coa anterior, ao parecer). Durante o intercambio de correos que se deu neses meses e que conservo como proba de todo o que aquí se explica, o señor Barcia dedicouse a argumentar que non era lícito pola miña parte utilizar estas dúas formas e que tiña que aceptar a súa imposición de criterio. Recordeille que ía ser o meu nome o que constase na tradución e polo tanto que tería que ser eu quen decidise sobre estas dúas palabras e deume como ultimatum asinar cun pseudónimo ou que lle pasaría a tradución a outra persoa e cancelaría o meu contrato, cousa que por insultante me abstiven de contestar. Finalmente pedinlle que retirase o meu nome das partes visibles do libro e o deixase só no copyright como único acto de protesta ante o seu atropelo, primando novamente a publicación do libro por enriba de todo. Desta vez negouse tamén (argumentando que era unha cousa “formal” da colección). Indiqueille que se sacaba o libro amosando o meu nome na portada faríao sen o meu consentimento. A súa contestación: rescindiume o contrato de forma improcedente e unilateral, cousa que obviamente está en mans da xustiza. Agora, curiosamente, uns meses máis tarde sae publicado ese libro traducido por Moisés Barcia. Saquen vostedes as conclusións que queiran.
Son moitas as leccións que poden tirarse deste asunto, entre elas a situación de precariedade na que vivimos as tradutoras en Galicia, a falta de honestidade dun proxecto editorial como Rinoceronte no que se supón que se fai defensa da tradución (non esquezamos que o señor Barcia sae na prensa a cotío falando do tema como único coñecedor do devandito) e logo non se trata cun mínimo de respecto o traballo das persoas, e onde imperan uns criterios pouco profesionais evidentes (dos 19 títulos publicados pola editora só un é dunha muller, comentario que lle fixen ao señor Barcia no seu día e obviamente non lle gustou). Sei que a moitas persoas lles podería parecer que o señor Barcia ten razón, pero ás persoas que levamos moitos anos traballando pola dignificación desta profesión, aínda que non saiamos na prensa proxectándonos como tales, e ás persoas que cremos na necesidade de rematar co sexismo, este feito pareceralles tan grave coma a min. Eu pertenzo a esas dúas categorías, e gustaríame recordar aquí que con outras compañeiras fundei no 2001 a Asociación Galega de Profesionais de Tradución e da Interpretación, profesión á que me dedico dende 1997 e na que gozo, creo poder dicir, de prestixio e recoñecemento. Tamén creo que as persoas que cren na edición como un proceso profesional, serio e baseado no diálogo serán de opinión semellante á miña. É hora de abrir a caixa de Pandora e seguramente zoarán ventos en todas as direccións pero a gravidade dos feitos obrígame a poñelos en coñecemento público co obxectivo tamén de sentar un precedente que evite abusos futuros, por estas razóns ou outras, a outras persoas que por desgraza traballan na tradución sen visibilidade pública de ningún tipo.

Olark Livehelp